Co comezo do curso escolar nesta semana, poidemos comprobar as primeiras consecuencias de que goberne de novo en Galicia o Partido Popular.
Por unha banda a crúa realidade á que se enfrontaron as familias galegas que tiveron que mercar os libros de texto pagándoos do seu peto e vivindo en carne propia a aplicación por parte de Alberto Núñez Feijóo do programa electoral do Partido Popular, que decidiu rematar coa gratuidade dos libros de texto e facer así o primeiro recorte social. Recoméndovos o artigo de Manuel Bragado sobre este tema.
Coñecemos as denuncias de moitos pais afirmando que a Consellería de Educación ía eliminar unha parte do profesorado de apoio nos centros educativos e a pesares dun desmentido inicial, ao goberno de Feijóo non lle quedou outra que confirmar a supresión de máis de cen profesores de apoio ó alumnado.
Ó mesmo tempo en determinados colexios os nenos e nenas non asisten ás clases en protesta pola falta de profesores, outros teñen que utilizar o salón de actos como comedor escolar e na mesma semana os mestres das escolas oficiais de idiomas poñíanse en folga e saían á rúa para manifestarse polos recortes económicos e de persoal que van sufrir ditas escolas.
Os socialistas lanzamos unha campaña de defensa do ensino público facendo fincapé na defensa da gratuidade dos libros de texto e espallando polo territorio a nosa posición política sobre a educación. Tamén é de destacar a inmensa labor que está realizando a Plataforma de pais e nais, que constituida para defender a mesma causa, leva xa recollidas máis de 15.000 sinaturas en todo o País.
A todo isto, os directores dos centros escolares adoptan a decisión de non tramitar as novas axudas implantadas pola Xunta de Galicia para os libros de texto pola sobrecarga de traballo que supón e por entender que non forma parte do traballo docente. O 30 de setembro levarán ó rexistro da xefatura territorial de Educación as solicitudes de axuda que teñan presentado os pais e nais.
No pleno no Parlamento de Galicia celebrado esta semana o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, dou mostras unha vez máis da súa desconexión coa realidade educativa de Galicia e do descontrol existente no seu departamento, incapaz de responder ós múltiples frentes (decreto do galego, recortes no profesorado, comedores escolares, escolas oficiais de idiomas …) que foron abrindo nos escasos meses que leva gobernando o PP en Galicia.
O colofón á súa presencia na tribuna do parlamento chegou coa súa ameaza de sacar unha lista cos nomes de altos cargos do PSdeG e do BNG que, según él, envían aos fillos a colexios onde se segrega ó alumnado en función do seu sexo. Asistimos a un bochornoso espectáculo, e baixo o meu punto de vsita pon na picota ó titular de Educación do goberno galego, que en poucos meses se está revelando como un conselleiro conflictivo.
A puntilla ós despropósitos do Partido Popular chegou da man do deputado Daniel Varela que calificou ó anterior goberno da Xunta de Galicia como un ”goberno nacionalsocialista”. Recoméndovos a lectura de “listas y el nacionalsocialismo”, artigo escrito pola compañeira Mar Barcón.
A semana trouxonos tamén a comparecencia do Presidente Zapatero no Congreso dos Deputados para dar conta da lei de economía sostible e permitiunos coñecer a situación na que se atopa o PSOE nas Cortes Xerais de cara á negociación da Lei de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2010.
E en Galicia o goberno galego decidiu dar un paso atrás e abrir as portas de novo á ubicación en Cabo Touriñán dunha planta acuícola. Seguro que esta decisión dará que falar nos vindeiros meses, tempo ó tempo.
Para finalizar, un breve apunte para recordar que no día de onte celebramos a tradicional Festa dos socialistas galegos, e xa van nove edicións. Reunímonos un ano máis no recinto feiral de Vilagarcía e desfrutamos dun día de confraternización no que tamén contamos coa compañía de Leire Pajín, a secretaria federal de organización do PSOE.
Moito ánimo compañeiras e compañeiros porque imos a darlle un novo impulso ó socialismo galego, contade con iso.

