Asistín o pasado sábado 22 de xaneiro a unha interesante xornada do Colexio de Xornalistas de Galicia, A temática: Definir un novo modelo de medios públicos de comunicación en Galicia.
O conxunto de poñentes apuntaron a necesidade de definir un novo marco xurídico que dea garantías de pluralidade e calidade nos contidos que emiten os medios de comunicación públicos, e de igual xeito afondaron na necesidade de concretar que é servizo público e tamén como se financiará no futuro o ente público que agrupe ós medios de comunicación.
O catedrático Portero Molina deixaba no ar unha cuestión: Deben os medios públicos cumprir a función de entretemento? El entendía que era máis que dubidoso esa finalidade no eido público, si ben houbo disparidade de opinións.
Frances Codina, President do Consell de l’Audiovisual de Catalunya fixo unha exposición tan nidia do que pasa no seu País que non nos viría nada mal que os responsables da TVG se pasaran por alí a aprender como non se debe permitir a manipulación e a censura e como dotar á poboación de medios e garantías para defenderse de calquera intento de utilización partidaria por parte dos gobernantes, sexa quen sexa o que goberne.
Enrique Nicanor foi o último poñente e fixo un clara chamada de atención ó que supón a industria do audiovisual no mundo, axudoume moito a ter un concepto global dos mass-media, e sobre todo fixo unha radiografía ampla do que son outros modelos de TV pública no mundo, sen ir máis lonxe en Gran Bretaña ou en Finlandia, onde un Consello de Gobernadores, coma na BBC rexe os destinos dos medios públicos, diferenciándose daqueles que coñecemos como públicos pero que en realidade son gobernamentais, que non é o mesmo.
Os socialistas galegos estamos a traballar na nova definición dos medios de comunicación de titularidade pública, e non podemos perder de vista tamén que o ano 2005 será clave de igual xeito no Estado español no que se abordarán grandes cambios lexislativos en todo o que se refire ó sector audiovisual e ós medios públicos.
Seguiremos falando disto e teremos oportunidade de ver por onde vai o debate, namentres felicitar ó Colexio de Xornalistas por este tipo de iniciativas.

