Transparencia 0

 

Onte daba unha rolda de prensa para denunciar o grave incumprimento da lei de transparencia por parte do goberno que preside Alberto Núñez Feijóo ao ocultar os convenios asinados polas diferentes consellerías dende a chegada do Partido Popular á Xunta de Galicia.  No ano 2006 baixo goberno socialista na Xunta de Galicia creouse un rexistro central de convenios co obxecto de que todos os convenios que asinara calquera departamento do goberno galego fose de acceso público por parte dos cidadáns.

A lei de transparencia impulsada tamén polo mesmo goberno progresista (2005-2009) foi un primeiro paso para incrementar a calidade do sistema democrático e nesta norma recóllese a obrigatoriedade das diferentes consellerías de facer públicos os convenios a través da web do rexistro central de convenios da Xunta de Galicia.

Pois ben, desde que o Partido Popular chegou ao goberno non se ten publicitado un só convenio a través do rexistro correspondente. Dende o mes de maio de 2009 ata o 1 de Febreiro deste ano puiden comprobar mes a mes como os únicos convenios que estaban accesibles eran os que corresponden ao anterior goberno presidido por Emilio Pérez Touriño.

Hai que recordar que o Partido Popular volveu á Xunta de Galicia cun discurso baseado na ética pública, na austeridade e na transparencia. Nove meses despois o contrato de Feijóo coa cidadanía quedou en papel mollado. Os feitos impóñense ás palabras e aos discursos.

P.D.:a denuncia feita no día de onte tivo como consecuencia que a Consellería de Presidencia que dirixe Alfonso Rueda, comezara no día de hoxe a meter convenios da súa consellería na web do rexistro central  de convenios. A mellor demostracción de que a labor de oposición pode ser constructiva, xa que os efectos da denuncia foron positivos.



Deixa un comentario

XHTML: Podes usar as seguintes etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <code> <em> <i> <strike> <strong>