
Asina o manifesto na páxina de sumandoideas
Os socialistas galegos debemos facer unha profunda reflexión sobre a mensaxe que a cidadanía de Galicia nos transmitiu o pasado 1-M, e ao tempo dar un paso adiante.
Facelo esíxenos lembrar e defender os avances acadados nestes catro anos, pero tamén recoñecer e emendar os erros cometidos na nosa acción política.
Non debemos esquecer que máis de medio millón de galegas e galegos depositaron a súa confianza no proxecto dos socialistas de Galicia. Merecen atopar en nós un novo camiño e unha proposta maioritaria, de presente e de futuro, que canalice as inquedanzas dunha parte moi importante da sociedade galega.
Esta confianza tamén nos esixe un esforzo encamiñado a consolidar e aumentar o apoio recibido, a ensanchar e converter ao PSdeG-PSOE nun partido maioritario, forte e con grande presenza na sociedade galega, representativo da maioría social do noso país.
Para isto necesitamos facer unha serena pero profunda renovación das estruturas organizativas e do modelo de partido, co obxecto de facer posible a extensión e penetración do PSdeG no conxunto do territorio e nas redes sociais e económicas de Galicia, estando presente en tódolos ámbitos da sociedade galega e potenciando o papel dos/as militantes socialistas, da súa participación interna e externa, como verdadeiros activos do noso proxecto político. O PSdeG ten que ser un bo reflexo da maioría social deste país.
Como primeiro paso aspiramos a fomentar un debate de ideas e propostas de cara ó Congreso Extraordinario do 25 de Abril, onde teñan cabida a autocrítica e a discrepancia, pero afastándonos de actitudes cainitas e sen permitir que a dereita marque os nosos debates e a nosa axenda política.
Queremos facer do PSdeG un partido forte, sen complexos, asentado nos valores do socialismo democrático cun proxecto autónomo. Ser a referencia galega da esquerda, alí onde se ubican milleiros de cidadás e cidadáns do noso país que cren na liberdade, na igualdade, na solidariedade e na xustiza social.
A través deste manifesto pretendemos promover o debate e o contraste de alternativas. Facemos un chamamento á participación colectiva de toda a militancia e da cidadanía para fortalecer un proxecto socialista que se asente na defensa coherente e decidida dos principios e os valores progresistas que vertebran o conxunto das democracias avanzadas.
Para nós falar do socialismo galego equivale a defender unha sociedade cunha universal igualdade de oportunidades, independentemente das nosas diferentes orixes sociais; plena liberdade para exercelas, suprimindo todas as barreiras que as impiden ou dificultan; e coa férrea xenerosidade e solidariedade de todo o País cando a oportunidade deriva en dificultade.
O socialismo e o galeguismo son e seguirán sendo referencias ideolóxicas esenciais do PSdeG e das que deben partir as políticas e propostas da nosa acción política.
A defensa dos servizos públicos ten que ser unha prioridade, facendo posible unha sanidade pública que compatibilice a atención sanitaria de calidade cos dereitos de atención ao paciente e apostando por unha educación pública de calidade, nun país no que o ensino sirva para acadar unha sociedade libre, crítica, con sólidos valores democráticos e altas oportunidades de progreso.
Falamos dunha educación pública na que as bolsas favorezan a igualdade de oportunidades e na que o relevante non sexan a vestimenta que leven as nenas e os nenos no centro escolar, senón a calidade da educación que reciben.
Unha Galicia políglota, na que se eduque aos nosos fillos/as en galego e castelán, garantindo o coñecemento e correcto uso de ambas linguas ó rematar o ensino obrigatorio e aberta á incorporación de terceiras linguas. Un País sen divisións entre iguais nin imposicións e onde a nosa cultura sexa unha importante oportunidade de proxección exterior.
Queremos unha sociedade cunha envexable calidade democrática, con regras de xogo claramente definidas na relación dos responsables políticos cos poderes económicos e na regulación transparente das axudas públicas ó mercado da información e da comunicación, onde a reforma dos medios públicos de comunicación sexa unha prioridade política e social.
Conseguilo require dun partido mellor conectado coa sociedade: capaz de incorporar as voces e as vontades progresistas presentes na sociedade civil, e onde a militancia, o maior activo do noso proxecto político, asuma maior protagonismo e impulse o partido co seu traballo, a súa capacidade e a súa ilusión.
Pola gran responsabilidade que o tempo nos depara, para cumprir coas expectativas postas na labor de oposición e para sermos alternativa crible de goberno, necesitamos de experiencia e renovación. Temos que asumir como propias as novas realidades sociais, sumar a achega da valiosa experiencia institucional que o noso partido atesoura e facer efectiva a incorporación das xeracións máis novas.
É a hora de ofrecerlle á sociedade galega un proxecto socialista maioritario e renovado, un proxecto ilusionante, que marque novas metas para transformar a fondo Galicia. É a hora de traballar todos xuntos, unidos, sumando ideas para o socialismo galego!
Que comece o debate!
Galicia, 11 de marzo de 2009


Carlos Mosquera escribiu:
Felicítovos pola iniciativa a que me teño sumado. Coido ca compoñente ética como asempre está ben referenciada, pero tamén penso que nos falta pragmatismo no eido ecconómico, xa que penso é o problema máis importante que temos que solucionar neste momento, son de crucial interés as nosas propostas económicas, é de suma importancia que o noso partido, o noso pais, teña en nos o principal referente na procura de solucións a saida da situación de crisis económica na que nos atopamos. Este é o momento, non debemos de perder a oportunidade, temos xente dabondo pra facelo. Xente nova e xente curtida, eiquí non sobra ninguén e nos fai falta todo o mundo, e en especial da xente xoven, dos que para miña humilde opinión son os “culpables” da nosa derrota electoral. Fai uns 8 anos lle dixen a Emilio Pérez Touriño despois dunha comida e dando un paseo por Baiona, que non deixara a xente xoven de lado, que os tivera en conta. Espero que este erro non se volva a repetir, polo ben do noso partido e polo ben de Galicia.
carlos escribiu:
Unha declaración perfectamente asumible por todos. Senta as bases para orienta-lo necesario debate pre e congresual¡Imos cara adiante!.
Por certo, hai un blog en Baiona donde levamos tempo pensando nestas cousas: http://barrildonaufrago.wordpress.net
Un saudo.
Veloso escribiu:
Están moi ben as intencións lingüísticas, pero semella que agochan algún sentimento de culpa ou talvez un reproche que non acabo de entender. Que quere dicir exactamente o manifesto? Que a política lingüística que se levou a cabo nos últimos anos non foi a axeitada? Seica houbo algunha discrepancia neste terreo cos socios de goberno? Aínda que así fose, non estaba claro que as competencias en Educación e Política Lingüística eran do PSOE? Pois logo a que vén esta mudanza?
Un cordial saúdo.
SUMANDO IDEAS « Mil ojos desde Xiabre escribiu:
[…] transcribir el manifiesto pero ya lo han hecho otros compañeros antes que yo, Diego, Loli o Lage y otros lo harán más tarde […]
MON CERVO escribiu:
Eu tamen me sumei a SUMANDO IDEAS.
Pero como socialista teño bastante medo a que todo esto quede en nada, e cando estea todo ben encauzado volvamos ás mesmas.
Decia Calos Mosquera nun paragrafo do seu comentario
“temos xente dabondo para facelo” e eu creo o mesmo. Pero onde estuvo esa xente que non se contou con ela e en cambio plagouse o goberno de independentes e de Conselleir@s que non saben o moito traballo que levou chegar a responsabilidades de goberno en Galicia e que ademais negaronse a participar en mitins despois das 6 da tarde.
Esto hai que atallalo e tomar solucions que nos permitan non volver a cometer este erro.
E o meu xuizo as bases deben de voltar a ter protagonismo e capacidade de decisión, e non so botar man delas para pegar carteis e que voten nas asambleas a aqueles candidat@s que previamente veñen marcados dende arriba.
carlos escribiu:
Corrección de erros:
O blog socialista de Baiona é http://barrildonaufrago.wordpress.com/
Rubén Saavedra escribiu:
Moitas gracias compañeiro. Unha aperta e ánimo nesta nova etapa parlamentaria.
Lourdes escribiu:
Mon Cervo está no certo, todo vai seguir igual. Se alguén veu a entrevista que lle fixeron ó alcalde Santiago en Localia, xa se daría conta de por onde van os tiros..
charo escribiu:
A decisión de Gonzalo Caballero de presentar a súa candidatura á Secretaria Xeral sorprendeume. A verdade é que xa non a esperaba. Estaba convencida de que Pachi Vázquez ía ser o único candidato, o que , por outra banda, facía que todo o proceso me resultara moi pouco ilusionante.
Pero a idea de que Gonzalo Caballero chegue a convertirse no novo Secretario Xeral do partido tamén me preocupa. O feito de que os socialistas de Vigo estean divididos e que Gonzalo o represente á minoría crítica pode non ser a mellor maneira de empezar esta nova andadura do noso partido.
Non teño absolutamente nada negativo que dicir de ningún dos dous candidatos. Se ben considero que a aposta tiña que ser máis decidida. Na miña humilde opinión tanto Mar Barcón como María Xosé Caride son persoas de peso político dentro do noso partido. Son coñecidas e recoñecidas pola maioría dos e das militantes socialistas e por unha ampla maioría de galegos e galegas. Calquera delas podería liderar un proxecto realmente ilusionante. Na miña humilde opinión os militantes socialistas deberiamos animar a calquera destas mulleres a presentar a súa candidatura á Secretaría Xeral.