Redeiras: proposta para mellorar as condicións laborais

 

parlamento

 

No Parlamento de Galicia aprobamos esta semana unha proposición non de lei co obxectivo de mellorar as condicións socio-laborais do colectivo de Redeiras que hai no noso país. 

Como portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia-PSOE, defendin unha emenda para que se estude o recoñecemento de doenzas profesionais e a aplicación de coeficientes reductores ao colectivo co obxecto de facilitar un acceso digno á xubilación.

Penso ademais que é necesario que dende as administracións públicas se busquen fórmulas destinadas a combater o intrusismo, uns dos factores que máis condicionan o futuro laboral destas profesionais xa que dificulta en gran medida o despegue económico deste sector.

Tendo isto en conta, propuxemos solicitarlle ao Goberno do Estado a incorporación dentro dos obxectivos da Inspección de Traballo para o ano 2007 a este sector co fin de erradicar o intrusismo laboral e a precariedade. É fundamental comprometernos neste sentido.

 

No pleno do Parlamento acordamos os tres grupos políticos traballar co fin de que se adopten medidas para a dignificación sociolaboral das redeiras galegas.  

Penso que é moi importante que se apliquen coeficientes reductores co obxecto de facilitarlle o acceso a unha xubilación digna a este colectivo de traballadoras.

Na montaxe e na reparación das artes de pesca traballan en Galicia arredor dun milleiro de persoas, das que o setenta por cento son mulleres. Diante deste dato incotestable, defendín a homoxeneización da cualificación profesional e tributaria das redeiras, e nese sentido recordei que existía un compromiso público do Goberno de Galicia para facer xestións diante do Goberno do Estado.

Tamén entendo que é moi necesario que a Xunta manteña os investimentos previstos no que se refire á construción de naves e infraestruturas para os colectivos de redeiras, despois de ter xa construido unha nave en Porto do Son e ter prevista a execución doutro para o porto de A Guarda.

Cando vexo que o debate político o facemos xirar ó redor de problemas e necesidades dos traballadores do noso país, como é o caso, síntome ben, penso que o parlamento deste xeito se convirte no centro da vida política e serve para dar respostas ás demandas dos cidadáns.

Para iso nos elixen e por iso entendo que a tarefa continua, con acertos e con erros



5 comentarios para “Redeiras: proposta para mellorar as condicións laborais”


Deixa un comentario

XHTML: Podes usar as seguintes etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <code> <em> <i> <strike> <strong>