Esta semana presentábamos públicamente unha iniciativa parlamentaria co obxecto de impulsar a recuperación integral de Pontenafonso (Noia-Outes), peza destacada do patrimonio histórico-artístico de Galicia.
A ponte denominada Pontenafonso, foi construída probablemente durante o reinado de Afonso XI, no século XIV ou quizais na época de D. Alonso Fonseca I, no s. XV. Durante séculos constituiu cos seus 20 arcos de perfil oxival e 270 m. de longo un punto de primordial importancia nas vías de comunicación de Galicia ata a construcción da moderna ponte de Ceilán.
Nesta iniciativa parlamentaria destacamos que o mantemento e coidado do noso patrimonio histórico e cultural debe formar parte das accións da Xunta de Galicia en cooperación con outras institucións ou entidades e debe á súa vez servir para poñer en valor aquelas edificacións ou monumentos que forman parte da historia colectiva do noso país.
Na actualidade a Pontenafonso está sufrindo un serio deterioro, acentuado polas actuacións en materia de estradas levadas a cabo polos anteriores gobernos da Xunta de Galicia.
Entendemos que é preciso mellorar a seguridade desta ponte e actuar sobre o firme da calzada que cubre a citada infraestructura así como proceder á limpeza e conservación integral da mesma.
Os socialistas galegos consideramos que debe ser unha prioridade a mellora do estado deste tipo de edificacións, e a súa conservación debe de ser contemplada dentro dos plans ou actuacións que a Xunta de Galicia realiza no referente á conservación do patrimonio histórico-artístico.



maria escribiu:
Evidentemente, a conservación do noso patrimonio `debera de ser unha prioridade de calquera partido político pero sobre todo de todos nos, de todos os galegos, pois forma parte da nosa historia, da nosa cultura das nosas tradicions, do noso país.Debemos de por en valor o que é noso. As veces é tristísimo ver como a riqueza patrimonial de Galicia se está deteriorando, e non so o referente o patrimonio material senon tamen inmaterial. Ánimmo e por algo se empeza, hoxe pola Pontenafonso e outro día polo Castelo de Monterrei, ou calquera outro inmoble…