No día de onte presentaron os profesores Rivera Otero, Lagares Díez e Maíz Suárez o Barómetro Político da Universidade de Santiago de Compostela correspondente ó mes de decembro do 2004, no que se apunta unha clara tendencia de cambio político en Galicia.
As enquisas e estudios electorais non son infalibles pero apuntan tendencias e serven para detectar unha serie de claves nos anceios da poboación e nas incertidumes que poden existir, e neste Barómetro da USC apúntanse claves de futuro moi positivas para o socialismo galego.
Non é menos certo que a máis de 10 meses das eleccións hai que tomar con moita precaución os datos,e non infravalorar a fortaleza do PPdeG, a súa estrutura e unha estratexia definida dende fai un par de meses con claros obxectivos, entre outros o ataque constante ás posicións do PSdeG e ó papel do goberno socialista ó respecto de Galicia.
Por iso é fundamental que a cidadanía perciba os cambios que está a acometer o goberno de ZP, no terreo da política social, no diálogo institucional e no deseño da rede de comunicacións do futuro. É tan fundamental iso como que exista unha boa coordinación entre Madrid e Santiago para salvar as continuas trampas ás que tenta someternos o PP.
Estamos nunha campaña longa e dura na que os socialistas galegos temos o reto de facerlle chegar á cidadanía unha alternativa de goberno que permita un cambio político, que faga posible a modernización do País e que dea paso a unha nova cultura democrática, instalando a transparencia no sistema público de relación entre cidadáns e gobernantes.

