Os compañeiros e compañeiras do PSdeG-PSOE de Lalín deron a coñecer nestos días o pleno acerto que tiveron cando depositaron nunha notaría un sobre no que figuraba a relación de persoas que ganarían unha praza de funcionario no Concello de Lalín nunhas oposicións convocadas con anterioridade.
O proceso de selección de persoal do Concello iniciado a mediados de 2004 fora xa denunciado polos compañeiros de Lalin, cando decidiron presentar ante notario unha lista cos trece nomes que ían a ser seleccionados no concurso-oposición convocado.
A realidade é que acertaron todos os nomes.
O alcalde de Lalín, Pepe Crespo di que non é máis que “un proceso de consolidación”, … claro … claro … primeiro entran daquela maneira e despois consolídanse outorgándolle unha praza de funcionario público, baixo o sistema de concurso-oposición, excepcional segundo a lei da función pública.
O peor de todo é que isto non é achacable só a Lalín e ó seu alcalde.
Sigo pensando que as probas de acceso á función pública teñen que respectar os principios constitucionais, debendo producirse en igualdade de oportunidades para tódolos aspirantes a unha praza de funcionario.


