
Hoxe quero convidarvos a visitar o blog de Mar Barcón.
Mar é unha compañeira socialista comprometida “ata as cachas” cos valores da igualdade, a xustiza e a solidariedade e que traballa a cotío na transformación e no benestar da súa cidade, A Coruña.
Alegreime moito cando me comentou que ía abrir un espazo na rede, xa sabedes que considero que é fundamental que os cidadáns teñan a oportunidade de coñecer ós seus representantes electos e que poidan achegar os seus comentarios, propostas, suxerencias ou preocupacións de xeito directo.
É a política 2.0, un paso máis para mellorar a comunicación entre a cidadanía e os representantes políticos, para avanzar na calidade da democracia.
A blogosfera socialista en Galicia vai medrando, e Mar é un bo exemplo dos pasos que imos dando para que o socialismo teña moitas fiestras abertas ó mundo.
Un mundo sen fame, un mundo sen guerras, un mundo máis xusto, un mundo no que a patria máis importante sexa a dos dereitos, a xustiza e a igualdade; por ese mundo temos que loitar, e nesa tarefa estamos comprometidos dende o socialismo.


Bernabé escribiu:
Concordo contigo en que a web estase a converter, e é necesario, nunha nova vía de comunicación entre os políticos e os cidadáns. É un alicerce para seguir ampliando as bases da nosas democracia e da participación cidadá.
O blog de Mar é, polo tanto, unha correcta iniciativa polo valor democrático que posúe.
Un saúdo compañeiro,
Bernabé