Nestos días comezan a xurdir un bo fato de manifestos que coinciden en esencia na mensaxe que lanzan: O CAMBIO É NECESARIO, e por iso non deixa de ser sorprendente que as pequenas disputas da intelectualidade de esquerdas de Galicia xiren entorno a “puxecheslle unha coma, quitásteslle unha frase”.
Dende o máis absoluto respecto que me merecen determinadas persoas comprometidas con Galicia e co pensamento de esquerdas, e sen que supoñan reproche algún, só decir que agora máis que nunca precisamos capacidade de entendimento, unidade e forza para animar ó conxunto da cidadanía á mobilización social en prol da esperanza, en prol dun novo tempo con novas formas de gobernar e alternativas socio-económicas para acadar maior benestar social no noso País, Galicia.
Aproveito tamén para agardecer a un bo número de homes e mulleres de Galicia o seu compromiso co cambio, a través do manifesto “No nome da esperanza, xa vai”, por iso dicía que non hai reproches, hai afecto e comprensión ós matices, pero precisamos mobilización e unidade, así que moito ánimo e adiante.

