Este fin de semana comezou a colección Galicia de Cine levada adiante polo xornal “La Voz de Galicia”.
Con “Sempre Xonxa” de Chano Piñeiro como primeiro film ó que tiveron acceso os lectores deste medio de comunicación, ábrese unha serie de entregas que contribuirán a que o noso cine sexa máis coñecido entre os galegos e as galegas.
Hai que apostar pola nosa industria do audiovisual, abríndonos ó mundo e convertindo as nosas singularidades e a nosa propia realidade nun camiño de oportunidades dentro e fóra de Galicia.
Noraboa á “La Voz” por esta iniciativa, que pon en valor o traballo dos nosos directores, productores e actores e actrices.


Esteban escribiu:
Xa sabes que eu e o cine somos parella de feito. Gustaríame, como Luis Buñuel, ser o pantasma dunha filmoteca e así ver o mundo a través da pantalla.
Nembargante, co cine galego pásame unha cousa. Sempre me pregunto se existe. Vexo que hai axudas, vou as estreas, pero o meu espírito que é xeneroso cada vez que se enfronta a unha película “galega” queda desesperanzado. A última que vin, que afortunadamente esquecín, foi a peor película que vin na miña vida (e iso que vin moitas malas). Está claro que “Sempre Xonxa” é unha boa película; ¿pero cantos anos pasaron xa? A impresión que teño é que o mellor cine “galego” estase a facer fóra de Galicia. Mesmo, J. Luis Cuerda, que debería ser adoptado como galego, realizou as mellores películas galegas (”A lingua das bolboretas” e “O Bosque Animado”). Así, o que me pregunto é se estamos a apoiar racionalmente esta expresión cultural. Non hai nin unha semana falaba con un dos que daba os cartos en tempos de Fraga. É un bo rapaz, pero falando disto dicía que non se facían películas senón “clubs” para facer películas. Amigos que se reúnen e queren sacar adiante un soño, que moitas veces polo cariño que temos os pais polos nosos fillos non nos decatamos de que son pesadelos, en vez de soños.
Pero bueno, esperemos que con isto, coma con todo, tamén chegue o cambio. Unha aperta.