Diálogo na ría de Arousa en beneficio do sector marisqueiro

 reunión confrarías arousa-consellería de pesca

Hoxe a Consellería de Pesca mantivo unha xuntanza coas  confrarías da ría de Arousa co obxecto de resolver a situación de conflicto creada na pasada semana. Penso que é fundamental que as confrarías traballen en prol dos traballadores desta ría, fuxindo de estratexias de desgaste político que nada aportan á resolución dos problemas existentes no marisqueo.

Era e é preciso que as confrarías de Arousa se poñan dacordo na xestión dos bancos de libre marisqueo. Debe ser o propio  sector quen se sente a dialogar para acadar un acordo de xestión  conxunta de todas as zonas de libre marisqueo, tal e como sucede noutras rías de Galicia.  

Os representantes dos pósitos da ría arousana comprometéronse hoxe en Santiago a sentarse e tentar consensuar unha postura común neste senso. A cambio, a Consellería de Pesca ofreceuse a colaborar con eles para facer o seguimento e levar a cabo a vixiancia destes plans.

É destacable dende o meu punto de vista a disposición da Consellería de Pesca a traballar co sector nun plan específico para o relojito en catro zonas desta ría; penso que esto é positivo, pero temos que ter todos moi claro que a seguridade alimentaria é fundamental e polo tanto hai que garantizar a trazabilidade do recurso dende a súa extracción ata a súa chegada ó consumidor.  

No ano 2006 atopáronse cantidades moi grandes de chumbo no relojito, o que supón un risco para a vida humana; a extracción e comercialización deste recurso debe estar acompañada de grandes controles, as maiores garantías en seguridade alimentaria e moita prudencia á hora de tomar decisións.

O dito, con diálogo haberá solucións. Falando, enténdese a xente.



Deixa un comentario

XHTML: Podes usar as seguintes etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <code> <em> <i> <strike> <strong>