Setembro agarda noticias sobre as caixas de aforro

De aquí en adiante vou facer unha entrada semanal no blog para comentar a actualidade e manter maior contacto con todas e todos vos.

A crise económica xunto á gripe A  siguen sendo dous dos temas máis recurrentes nas conversas cotiás. No primeiro caso non deixamos de coñecer análises e informes de prestixiosas institucións ou economistas sobre as previsións de mellora económica nos paises do noso entorno, o que tamén anima as expectativas sobre a economía española. No caso da gripe A, percibín unha gran presencia por parte da ministra de sanidade, Trinidad Jiménez e un certo alarmismo sobre a citada pandemia, seguramente incrementada polo gran descoñecemento que podemos ter a maioría da poboación sobre este novo tipo de gripe.

En Galicia o curso político reanúdase despois de que Feijóo leve máis de catro meses no goberno e ata o de agora non teña amosado cal é o seu proxecto político para Galicia. Dicía esta semana Xosé Luis Barreiro Rivas nun interesante artigo que o tempo para ilusionar estábase acabando para Feijóo, e razón leva á vista das políticas erráticas que está aplicando en ámbetos como o benestar, a enerxía ou o emprego. Esta mesma semana Uxío Labarta chamaba a atención sobre a situación da acuicultura en Galicia e os costes do “impasse” no que se atopan as inversións neste subsector económico.

Máis preocupante é que en materia de Caixas de aforro o goberno de Núñez Feijóo mantivese unha posición indolente e pasiva e que inevitablemente terá que ser correxida para fortalecer a posición de Galicia cun proceso de fusión que evite a entrada de outras entidades foráneas que acabarían por finiquitar o sistema galego de caixas de aforro.

A conformación dunha gran Caixa Atlántica ou a creación dunha corporación conxunta entre Caixa Galicia e Caixanova como primeiro paso para a súa fusión a posteriori albiscase como unha das saídas diante da actual situación, onde a autonomía das dúas entidades deberá ir acompañada do apoio da Xunta de Galicia e da búsqueda dos equilibrios locaisnecesarios nun proceso destas características.

Por outra banda un pequeno apunte, no que quero recordar que os vindeiros orzamentos da Xunta de Galicia para o 2010 serán inferiores ós deste ano, producíndose unha importante merma na previsión de ingresos. En situación de crise como a actual xurden interesantes debates sobre quen debe facer máis sacrificios dentro da sociedade. Recordo aquí un artigo de Roberto Blanco Valdés sobre os funcionarios públicos e a posible conxelación salarial.

Será a primeira vez na historia da autonomía que os orzamentos teñan un decrecemento con respecto ós do ano anterior e iso terá consecuencias na capacidade de actuación da Xunta de Galicia no capítulo de inversións e tamén na política social.

Hoxe en Rodiezmo (León) e como xa vén sendo costume, o Presidente Zapatero volveu a anunciar a subida das pensións minímas para o ano 2010, recordando que nos últimos cinco anos subiron un 30% co PSOE no goberno de España e explicando que os máis débiles precisan da axuda do Estado.

Recoméndovos ó fío da actualidade a lectura do artigo “Tormenta perfecta” elaborado polo economista Albino Prada e no que aborda a situación económica actual.

Penso que a crise económica en España ten as súas maiores víctimas naquelas persoas que perderon o seu emprego, por iso cómpre facer un esforzo para que as persoas que teñen menos recursos non sexan os que acaban pagando os platos rotos dunha crise da que non son responsables. E a subida das pensións mínimas é unha mostra máis de saber quen precisa máis axuda. Non é o único que hai que facer pero sí forma parte das decisións de xustiza social.



Deixa un comentario

XHTML: Podes usar as seguintes etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>