Levamos varios meses asistindo no campo político do nacionalismo galego a unha ceremonia semanal de execución lenta do maior referente do nacionalismo galego dende a morte de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
Ás veces convirtese nun ceremonial cuasi diario, que vén de acentuarse nos últimos tempos,e de xeito máis claro dende a decisión do Voceiro Nacional do BNG de prescindir de Xosé Manuel Beiras para encabezar calquera das catro candidaturas provinciais para as vindeiras elecccións autonómicas.
Penso que é unha humillación continuada o que está a facer a organización política nacionalista. Dígoo dende o profundo respecto que me merece tanto o BNG como Xosé Manuel Beiras e sen querer meterme na casa dos demais, pero é un tema que trascende o meramente partidario, vai máis alá, xa que Beiras é un actor dentro do sistema político galego presente dende a clandestinidade ata o período democrático, dende a fundación do PSG ata a transformación do BNG nunha organización política homologable a outras en termos de aceptación das regras do xogo democrático,…..
E negar a figura de Beiras Torrado sería como negar un parte da historia recente do noso País.
Moitas persoas do ámbito da esquerda e do galeguismo non entenden nada do que está a acontecer no mundo nacionalista, xa que a valía e liderazgo de Xosé Manuel Beiras en determinados sectores sociais non está en dúbida e incluso poderíamos recoñecer o atractivo que ten para unha parte da poboación: é un referente coñecido e recoñecido, e fronte a iso non pode primar o criterio do medo a que este “vello” catedrático faga sombra ós máis mozos.
Beiras, non é nin compañeiro do PSdeG-PSOE, nin teño motivación político-partidaria para defendelo nin para facer de avogado defensor da súa figura, e ademais ten os seus defectos como calquera político, ousexa ten moitos defectos.
Non é tampouco o noso líder ou referente político, pero non por iso quero deixar de expresar un gran respecto pola súa figura e sobre o que significa en termos xerais para un parte da poboación galega, negar a evidencia sería como poñerse unha venda nos ollos.
Por iso manifesto a miña incredulidade diante da humillación á que está a ser sometido por parte da súa propia organización, que hoxendía é o que é en boa parte gracias a labor desenvolta polo propio Xosé Manuel Beiras.
Vai dende aquí o meu recoñecemento persoal, por riba do partido ou a organización a que pertenzamos cadaquén(Beiras ó BNG e eu ó PSdeG-PSOE), e así quero que quede constancia tamén dunha sensación que comparte unha parte significativa da esquerda galega: inxustiza e humillación son verbas que se reiteran constantemente ó falar do tema “Beiras”, nas conversas de café que manteño nas últimas semanas, sexa nun café do casco vello de Noia, sexa no Porto de Ribeira ou na Coruña liberal e aberta, nun paseo por Riazor.
A miña comprensión e apoio para aquel que un día me deixou escrito nun libro de tapas negras: “Para Xosé Manuel(Lage), compañeiro de combate e loita …..”.

