Acordo a prol das persoas con discapacidade auditiva

O xoves pasado os tres grupos parlamentarios ( PSdeG-PSOE, PP, BNG) aprobamos unha iniciativa parlamentaria para favorecer a accesibilidade das persoas con discapacidade auditiva á programación da TVG.

Tocoume a min a tarefa de defender este asunto no seo da Comisión de Política Social do Parlamento en nome do Grupo dos Socialistas de Galicia (coa inestimable colaboración da compañeira Mar Barcón), e fixeno consciente da importancia de facilitar a visibilidade das persoas con discapacidade e de abrir espazos onde poidan reivindicar os seus dereitos diante da sociedade.

Os medios públicos de comunicación teñen un papel fundamental á hora de facilitar espazos informativos onde poidan ofrecerse contidos e novas que recollan as demandas de moitos colectivos sociais e tamén das persoas con algún tipo de discapacidade e que precisan ser escoitadas.

Xusto é decir tamén que a TVG e os seus profesionais á cabeza están traballando xa nesa dirección. Como botón de mostra podo citar a existencia dun boletín informativo diario (de luns a venres) específico para persoas con discapacidade por razón de xordeira.

Cabe recordar que a TVG foi a única canle de todo o Estado que incluíu unha fiestra con linguaxe de signos para xordos no debate Zapatero-Rajoy (3 de marzo) durante a pasada campaña electoral.

A iniciativa que vimos de aprobar xurdiu dunha proposta do PP a través da deputada Susana López Abella e dunha proposta de emenda dos Grupos do PSdeG-PSOE e BNG.

Penso que queda moito camiño por facer e nese traballo sempre é bó unir esforzos e superar diferencias partidarias. Desta volta foi posible, agardo que non sexa a última vez que unimos esforzos.

O acordo ó que chegamos é o seguinte:

“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a dirixirse aos medios públicos co obxecto de que leven adiante as accións necesarias para:

1.- A incorporación periódica nos seus programas e espazos informativos de contidos e novas que contribúan a mostrar a presenza na sociedade das persoas con discapacidade, e facilitar a comprensión da súa problemática e a reinvindicación dos seus dereitos a prol unha mellora na calidade de vida.

2.- A ampliación na TVG da programación accesible para as persoas con xordeira, a través das medidas técnicas que sexan máis convenientes, incluíndo a mellora do servizo de teletexto”.



Deixa un comentario

XHTML: Podes usar as seguintes etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <code> <em> <i> <strike> <strong>