A TVG está convertida na TV do PPdeG

Hoxe tivemos un enconado debate no Parlamento de Galicia a raíz dunha interpelación que presentamos dende O Grupo Parlamentario Socialista para denunciar a manipulación continuada do goberno popular sobre os medios de comunicación públicos de Galicia.

Pérez Varela, conselleiro interpelado, fuxiu e nin apareceu polo Pazo do Hórreo para contestar os inquéritos que este humilde deputado lle formulara xa por escrito e que tamén explicitou hoxe dende a tribuna. No seu lugar o Sr. Pita Varela, que tanto vale para un roto como para un descosido, saiu a defenderse como puido.

A TVG está convertida na TV do PPdeG. Onde tiña que existir unha TV pública, ó servizo dos cidadáns, onde se garantizara unha información veraz, obxectiva e plural, temos unha TV ó servizo dos intereses do Partido Popular, onde os telexornais son a reproducción do NODO franquista pero en color no canto de ser en blanco e negro.

Os profesionais amordazados e atados de pes e mans, os medios privados de comunicación presos da chantaxe pura e dura polo reparto de axudas e contratos de series de televisión, … estamos diante dun secuestro informativo, feito cos cartos de todalas galegas e galegos.

O PSdeG aposta por un novo modelo de medios de comunicación públicos, onde se proceda coa desgubernamentalización e se poñan os controis e garantias suficientes para que a dependencia do poder político non sexa de carácter gubernamental senón de tipo parlamentario, por exemplo, acordando a elección do Director Xeral da CRTVG por unha maioría cualificada do Parlamento e non polo dedo do Presidente da Xunta.

En fin, xa vai sendo hora de transformar a realidade e traballar para acadar un marco legal e político que permita ese novo modelo de medios públicos. Non é unha proposta, é unha necesidade.



Deixa un comentario

XHTML: Podes usar as seguintes etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <code> <em> <i> <strike> <strong>