A hora de Galicia

 

fuso horario 

Estos días montouse unha boa, a raíz dunha proposta aprobada na Asamblea Nacional do BNG: a adaptación da hora en Galicia ó fuso horario GMT.

Coma sempre, os mass media madrileños, que destilan rancio españolismo, danlle bombo a unha proposta que pode ferir a sensibilidade daqueles que están pensando todo o día en que pode romper España. Miña madriña, que sacrilexio … ehh? E Canarias, que? Non é España?

E como será que os USA non romperon aínda, se en Boston (Masachussets) non teñen a mesma hora que en Hollywood (California) … ? Como poden vivir?

A min o que me parece triste é que a única proposta política que transcendeu do cónclave do BNG fora o do cambio da hora en Galicia. Pobre resultado ou unha mala política de comunicación? Tamén haberá quen lle bote a culpa ós medios de comunicación …sexan galegos ou da China, sempre hai que buscar o enemigo fóra…

Particularmente, decir que dende fai anos estou a favor de adaptar a hora ó fuso horario, como xa é utilizado no Reino Unido, Portugal ou Canarias. Paréceme o máis axeitado á nosa realidade. Non penso que precise a cousa moita explicación, trátase de recuperar a hora natural de Galicia. Para ser exactos teríamos que ter dúas horas menos para axustarnos ó reloxio solar.

Fai sesenta anos un goberno español decidiu adherirse por decreto á chamada hora central europea, a de Berlín, a pesares de que o meridiano Greenwich discorre polo medio da península ibérica.

Así temos a mesma hora en Noia (A Coruña) que en Praga, aínda que a capital da República Checa queda alá onde Cristo perdeu o Libro de Familia.

Que en Galicia nos rexiramos pola hora solar que nos corresponde sería algo de proveito e que redundaría nun maior aforro enerxético, ademais de ser de pura lóxica.

A non ser que o problema sexa que os boletíns informativos das emisoras de radio, teñan que engadir a coletilla “una hora menos en Galicia y en Canarias”. Seguramente o apropiado seria que se cambiara a hora no conxunto de España, xa que a maior parte da península está ó oeste do meridiano Greenwich.

Supoño que ninguén pensará que por ter unha hora menos en España que noutros países da UE imos a sufrir desgrazas económicas ou fenómenos paranormales, non?

Ou tal vez alguén pode alegar que seremos menos europeos? 



10 comentarios para “A hora de Galicia”


Deixa un comentario

XHTML: Podes usar as seguintes etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <code> <em> <i> <strike> <strong>