Hoxe, os veciños e veciñas do resto dos Estados membros da UE nos estarán observando, seguirán a nosa xornada electoral e tamén a doutro Estado membro, Portugal.
No noso caso, temos o referendum para ratificar o Tratado polo que se establece unha Constitución para Europa. Durante as dúas últimas semanas poidemos facer unha campaña informativa intensa sobre os beneficios do texto constitucional, hoxe temos a oportunidade de votar a prol de seguir construindo a Europa Social na que creemos e que vimos defendendo dende fai anos.
A participación será un dos elementos de análise e por iso sería moi importante que a poboación participara nesta convocatoria, exercendo un compromiso coa Europa que sempre soñamos e da que levamos formando parte nos últimos anos.
Portugal ante as urnas
En Portugal, os nosos veciños e veciñas terán a oportunidade de optar por un goberno do PS, con José Sócrates como líder emerxente, que de acadar a victoria poderá darlle ós portugueses unha situación de maior tranquilidade e estabilidade, despois duns meses de constantes crisis, logo de que Durao Barroso fuxira cara a Comisión Europea e deixara a Santana Lopes ó fronte do executivo luso.
Un día moi especial
É polo tanto un día histórico, para min é ademais un día especial, será a primeira vez que participe nun referendum e será a primeira vez que poida participar na toma de decisión sobre unha proposta constitucional, neste caso para Unión Europea e para 450 millóns de cidadáns. No ano 1978 cando se votou a Constitución Española, tiña 1 ano de vida, agora poderei participar dunha cita que pasará á historia polo salto que suporá no proceso de construcción europeo. Exercerei o meu dereito ó voto en Outes, a miña vila natal, e pola tarde compartirei a xornada de referendum co Secretario Xeral do PSdeG-PSOE, Emilio Pérez Touriño, e con outros compañeiros e compañeiras na sede nacional á espera de coñecer os resultados definitivos. Agardo que todo saia ben e que sexamos un exemplo para o resto dos veciños europeos. Sorte ó PS nos comicios portugueses, mañá poderemos facer unha valoración máis ampla.

